martes, 10 de enero de 2017

PROXECTO IGUAIS. EU VOU SER...

   EU VOU SER...
                          ...EDUCANDO EN IGUALDADE
A idea deste proxecto nace da man de dúas nais e un pai que forman parte do Consello Escolar do CEIP Cruceiro de Canido. A raíz da proposta de actividades para o Día Internacional das Mulleres, xorde a idea de abordar os prexuízos sexistas cunha exposición fotográfica onde se fagan visíbeis homes e mulleres con profesións tipicamente vinculadas ao sexo contrario. Neste traballo
fotográfico contouse coa colaboración de persoas con profesións tan diversas como por exemplo unha muller condutora de autobús, un home matrón, unha muller adestradora dun equipo masculino de baloncesto, un home que fai bolillos,... A idea inicial era facer unha proposta que permitira tratar este tema tan importante, moito máis aló da celebración dun día illado, dándolle así fundamento curricular e artellando diferentes actividades para os distintos niveis educativos partindo do material fotográfico. Para iso, o CFR de Ferrol (Centro de Formación e Recursos do Profesorado) solicita a colaboración tanto do CPI de Atios de Valdoviño, coma do IES Carballo Calero, de Ferrol. Do traballo conxunto de moita xente implicada, xorde esta proposta didáctica...

                                XOGO "IDENTITY"
No cole fixemos este curioso xogo educativo, partindo das fotos dos doce protagonistas, seis homes e seis mulleres, retratados en diferentes momentos de rutina diaria,... 


As fotos colocáronse no corredor da planta baixa do cole para que fora visible por toda a comunidade educativa.
En primeiro lugar, os nenos e nenas de 3º cubriron unha ficha na que tiñan que adxudicar un dos oficios ou aficións propostos nun listado con números.
A continuación, organizamos un debate-reflexión, onde analizamos as atribucións empregadas para asociar as imaxes e as profesións. En xeral, os criterios para asociar persoas e profesións basáronse nos complementos ou no entorno que rodeaba na foto aos personaxes, por exemplo o coidador de bebés o asociaron a unha muller que tiña un neno no colo, ou o adestrador de baloncesto cunha foto dun rapaz xogando a ese deporte. 
Posteriormente volvéronse a colocar todas as fotos, pero esta vez, das persoas protagonistas exercendo a súa profesión real así como unha frase que resumía ou destacaba os motivos polos cales elixiron ese traballo.
Os rapaces comprobaron os acertos ou erros na súa elección...aquí máis de un levou unha gran sorpresa! ...non dimos pé con bola!...A conclusión final foi que calquera sexa home, muller, xoven ou menos xoven, pode ter calquera profesión. A verdade é que despois dunha pequena decepción por non atinar, as reflexións dos nen@s foron bastante coherentes.
Por último, cubriron unhas fichas sobre as tarefas domésticas que se realizan nas súas casas e as súas preferencias...


A reflexión final xira en que as tarefas teñen que estar equitativamente compartidas...que se faga ou non xa é outro cantar, pero ahí estamos...loitando pola igualdade!